Posts Tagged 'Perception Model'

Against the Taste Model e outros naufraxios

Estou a traballar sobre un artigo de Griffin: Against the Taste Model, recollido no libro Interpersonal comparisions of Well-Being, editado por Elster and Roemer. A importancia do mesmo radica en que é un filósofo de primeiro nivel que problematiza a posibilidade de medición do benestar e das comparacións interpersonais de utilidade. Ademais de ser fundamentalmente un filósofo moral fala de cousas que teñen que ver coa Economía do Benestar. E faino dun xeito tal que non pode ser claramente clasificado como utilitarista, é crítico con Rawls –que tanto está a influir en moitas das formulacións contemporáneas da Economía do Benestar- e ademais trata estes temas dende un nivel de xeneralidade que fai que a partires de tomalo como referencia se poida construir unha visión dende as raíces.

Against the Taste Model (TM) é un artigo que comeza explicando como existen dúas formas nas que tradicionalmente se relacionan o desexo e o valor, a primeira é o Perception Model (PM), onde o axente desexante é alguén cuns valores, unha persoa que ten construído en si un edificio de prioridades en base a unha moral, un xeito de ver o mundo que fai que cando pousa a súa mirada sobre os obxectos estes sexan máis ou menos desexables. Griffin dinos que a maioría dos especialistas, e el mesmo, se decantan máis por este xeito de velas cousas.

O TM pola contra afirma que os valores que lle asignamos ás cousas están en relación co gusto que teñamos por elas. Esta visión das cousas refire o mundo dos desexos como un lugar onde as persoas teñen uns gustos conformados aos que son obedientes, no sentido de que eses gustos determinan o valor que os obxectos teñen á hora de conformar as preferencias.

Esta é a parte mías accesible do artigo. Despois de explicarnos Griffin estes dous xeitos de relacionar desexo e valor fai unha contextualización histórica acudindo a Hume e a Kant. Hume defende que todo valor –moral, estético, prudencial,…- deriva da resposta conativa aos estímulos que percibimos: todo coñecemento derivaría así da experiencia sensible. Por outro lado nos presenta Griffin a visión de Kant, que defendía a aplicación do TM para algúns valores prudenciais e do PM para os valores morais. Neste punto decide centrarse na figura de Kant debido á influencia que este tivo sobre Rawls, que no fundamental segue o esquema kantiano respecto da relación entre desexo, razón e moral. Neste desenvolvemento do pensamento kantiano fala do concepto de heteronomía da vontade: os nosos valores morais son o resultado das nosas continxencias –xenética, educación, etc- e a vontade respecto da moral non respondería á razón do suxeito se non que sería algo alleo a ela. Hoxe non entendemos unha separación tal entre liberdade e desexo. En Kant o cumprimento do desexo implicaría o imperio da esfera da heteronomía, resultado por tanto das nosas continxencias. Di Griffin que hoxe consideramos que somos libres cando son realizados cada un dos nosos apetitos. Para Kant a liberdade está do lado da razón, contraposta ao imperio da materia. Nacemos morais cando somos autónomos, cando as nosas accións non están gobernadas polas continxencias se non pola lei da que nos teñamos dotado.

Que Griffin diga neste punto que Kant aplica algo así como o PM para os valores morais está a expresar, penso, que a nosa conducta é moral en tanto que sexan eses valores dos que nos teñamos dotado os que organicen as nosas decisións. O resto -os prudential values: a nosa idea de felicidade, o noso concepto de benestar…- poden estar gobernados polas continxencias (TM). Pero entón matiza –Griffin- respecto da postura de Kant e fainos aos economistas a vida un pouco máis complicada:

2. I am perhaps stretching the Perception Model in including Kant. “Perception” suggests detection or recognition of the presence of (moral) properties, and Kant is not a moral realist. Morality, for him, is a rational requirement, and so objective in that sense, but not in the sense that there are moral “objects” existing independently of human thought and reaction. Still, “perception” can be taken without strain to include Kant: One perceives or recognizes a rational requirement.

Against the Taste Model, Interpersonal comparisons of well-being. páx. 48, nota 2. (Elster and Roemer Ed.) Cambridge UP, Cambridge, UK. 1991.

Seguiremos profundando nestes terreos nos que os economistas nos enlamamos. a ver se non quedo atrapado. Ao mesmo tempo penso que é importante para min sentar unhas bases sólidas sobre o tema dos fundamentos das accións que determinana as nosas eleccións, onde se atopa aquí o interese propio e que relación ten co benestar, coa bondade dos resultados. Por iso Griffin é importante neste punto.